Hoxe fai exactamente 33 anos dende que o Tetris vía a luz. Era un 6 de xuño de 1984 cando a obra de Alekséi Pázhitnov, un traballador da Academia de Ciencias da Unión Soviética de Moscú, comezaba a súa andada no ordenador ruso Electronika 60 e cambiaba o mundo dos videoxogos tal e como o coñeciamos. Un xogo que, dende a simplicidade de facer liñas combinando figuras compostas por catro bloques (de aí o nome de Tetris), conseguía enganchar e xerar obsesión en xogadores de todo o mundo. Foi a súa chegada á Game Boy o que o lanzou á fama, e con elo, o Korobéiniki, unha canción tradicional rusa que Hirokazu Tanaka decidíu poñer como banda sonora na versión da portátil de Nintendo. E dende aquela, esa canción é toda unha institución dentro do mundo dos videoxogos e posiblemente a máis versionada. Por eso aquí traemos esta lista coas 8 mellores versións que atopamos. Máis un par de bonus.
1. Smooth McGroove
Non por moi coñecida é menos interesante. Smooth McGroove fixo, co seu peculiar estilo, unha marabillosa versión a capella do tema, na cal o autor fai as distintas liñas mesturándoas creando un estupendo resultado final.
2. Brentalfloss
A especialidade que fixo famoso a Brentalfloss, poñerlle letras a temas de videoxogos. No caso do Tetris foise a un camiño bastante incorrecto políticamente, pero non imos aquí a poñer límites ao humor. É curioso que un tema que ten xa case 9 anos pasase desapercibido no seu momento e agora sería moi ofensivo. Tamén é un indicativo de que imos estando concienciados co que é buscar unha sociedade máis xusta.
3. Melting Pot
Era 1996 e os californianos Melting Pot sacaban o seu Polarities of Paradox. O terceiro tema, Sirtet, era unha versión ska de case 6 minutos do tema do Tetris. A día de hoxe, segue a metérseme na cabeza cada vez que o escoito, quedándose aí durante horas.
4. Dr. P
A principios da década presente, co éxito de Skrillex, parecía que o Dubstep triunfaba comercialmente. Foron anos nos cales moitos artistas se subiron ao carro, e o Dr. P, que a día de hoxe segue traballando de dj, sacaba o seu Tetris en 2011, acadando o posto 185 en Reino Unido. Un tema brutal, que retorce o orixinal ata límites inesperados.
5. Laser Harp
Si, hai un instrumento que mestura luz, a idea básica do theremin e unha actitude moi geek. E chámase Laser Harp. E en Nottingham en 2010, tocaron o tema do Tetris e gravárono en vídeo. Desfrutade.
6. Dave Wave
O ragtime pasou de moda moito antes de que o Tetris aparecese. Pero eso non é un problema para que Dave Wave subise ao seu canal de YouTube esta magnífica e divertida versión. Intentade escoitala sen comezar a bailar como se estivesedes nos tolos anos 20.
7. Screaming Monkey Boner
Metal e videoxogos é unha combinación que non imos chamar orixinal. Pero esta versión dos Screaming Monkey Boner (tamén coñecidos como Screaming Mechanical Brain) é unha delicia de tolemia que é necesario meter nesta lista.
8. Porta
Para rematar, tocamos tamén un pouco de Rap, collendo a versión de Porta na cal collía como base este tema. Como outros temas desta lista, mete unha letra que pouco ten que ver co xogo, pero é un enorme exercicio de estilo por parte do rapeiro barcelonés.
Bonus 1. Kate Tsvetaeva
Kate Tsvetaeva, violinista rusa de renome, colle neste vídeo o propio Korobéiniki, facendo que mundos tan lonxanos como o folk ruso e a electrónica se atopen. Técnica, e un son que resulta marabilloso dende a mesmo orixe que o videoxogo.
Bonus 2. Coro do exército ruso
Non podía faltar, por suposto, a versión do exército ruso do tema orixinal. Unha versión que, vale, vai máis alá do Tetris, pero serve para que entendamos a orixe. Ademáis, con subtítulos en castelán para saber de qué vai a letra orixinal.
Pois eu vou aportar o meu pequeno grao de area co remake que máis me mola, que é un remake “first party”, para o Super Smash Bros Brawl, versión orquestral mais electrónica.
https://www.youtube.com/watch?v=rDCOcqpWTkY
Aínda que quero reivindicar o music type-B, que é un temazo e que merece un artigo de seu! Até o Smooth McGroove se lembrou dela!
https://www.youtube.com/watch?v=uFj60cLeGJI
E aquí a versión brutal de novo do Super Smash Bros Brawl
https://www.youtube.com/watch?v=-6hW6zZCblg
(A versión Type-C, por moito que a orixinal sexa de Bach, nunca me molou demasiado)
Antes de nada grazas por completar a lista!
E dicir que, se ben o Type-A foi o que collemos para festexalo porque é a música que máis se asocia comunmente ao xogo no imaxinario colectivo, realmente toda a música do Tetris merece artigo propio, pero feitos por musicólogos de verdade e non por un mero aficionado coma mín! E se nos poñemos así, xa incluso o propio Tetris merece máis artigos e máis en profundidade que este!