Léonor Serraille debuta este ano ao grande con Jeune Femme (Montparnasse Bienvenue), a historia dunha moza de 31 anos que se atopa, de súpeto, tirada na rúa despois de que o seu mozo durante 10 anos rompa con ela e a bote do piso. Un filme que conseguíu colarse non só neste Cineuropa, senón que gañou o premio Caméra d’Or de Cannes á mellor ópera prima, o premio de Ornano-Valenti de Deauville, o premio do xurado do Champs-Élysées e o de mellor actriz na Seminci de Valladolid.
Un drama de libro, rodado dun xeito intimista ao redor de París, cunha protagonista que se ve a si mesma sen nada ao que atarse. Leva 10 anos sendo, simplemente, a moza dun fotógrafo famoso e anulándose a si mesma como persoa (deixándose entrever que por culpa del). Non ten estudios, non traballou nunca e non sabe dominar o comportamento social. E está, co seu gato e sen cartos nin amizades que se dignen a aceptala, no medio da capital francesa.

A situación é tal que unha personaxe normal podería resultar patética e debería provocar unha empatía. Pero non é o caso. Paula (Lætitia Dosch) é unha personaxe demasiado extrema, manipuladora e simple que se empeña en tomar as decisións máis estúpidas unha e outra vez. Como se quixese realmente que o filme fose máis cara o drama e se empecinase en conseguilo. Mentiras, autoexculpacións, insultos sen vir a conto… e o peor é que é unha protagonista absoluta á que temos presente en tódalas secuencias. Por isto, polo menos a mín custoume moito, moitísimo, poder entrar na peli en ningún momento.
Acepto, iso si, que a redención cara a parte final, polo menos acaba facéndoa atractiva como personaxe, aínda que tamén un chisco falsa. A evolución da personaxe carece dunha aprendizaxe, sucedendo soamente porque as cousas parecen ir mellor, e de súpeto xa se comporta como unha persoa máis cabal. Con isto, esos case 100 minutos que dura o film acaban facéndoseme difíciles de soportar. Pero xa digo que é porque non podo conectar coa personaxe, e constantemente a miña cabeza quería saír.
Na parte boa está o feito de que a personaxe está creada dese xeito e resulta absolutamente crible na pel de Lætitia Dosch. Dende un comezo coa neurosis post ruptura faise con ela e logra manterse nun marco realista e coherente todo o metraxe, por extremas que sexan as situacións e impostados que poidan resultar algúns diálogos. E ben, que se temos en conta isto, e que as situacións si poderían ser realistas -é máis, coñezo mulleres que pasaron por momentos semellantes-, ao final o filme resulta incómodo por culpa de que non é doado conectar coa protagonista, pero si que logra esa pretensión que se lle ve de contar as cousas crúas como a vida.