Según deu comezo Out Of Love, eu xa pensei que ía estar ante outra cinta que ía competir con Un Sol Interior e Jeune Femme. Parecía que ía ser outra cinta de muller obsesionada coa procura do amor e involucrándose en situacións patéticas por mor desto. Pero non. O filme da neerlandesa Paloma Aguilera Valdebenito transpórtanos a unha historia de relación tóxica brutal, procurando non xulgar por moito que, instintivamente, nos poñamos na pel da protagonista.
A historia ten o seu punto forte no guión, perfectamente elaborado e tan certeiro que a mín dábame medo, na sala, verme identificado (que non empatizado) coa personaxe de Daniil Vorobyov. E isto fala moi ben do film ao tempo que moi mal de mín, e recoñézoo. Todos esos momentos nos cales o amor nunha parella acaba facendo dano, tanto a un lado coma ao outro, vanse vendo aquí. Personaxes contradictorios, cheos de medos e frustracións que se van convertindo en comportamentos cada vez máis problemáticos nunha espiral que dende fóra vemos que non pode acabar ben. E que vemos que os protagonistas tamén o entenden por moito que se aten a esa relación. Todo sen tirar do maniqueísmo habitual nestos filmes e facendo ver que os monstros tamén son humanos.
Para isto, Out Of Love conta cun par de actores que están tremendos. Naomi Velissariou e Daniil Vorobyov, de orixes belga e ruso respectivamente (aínda que no filme a personaxe dela sexa grega), representan unha parella de expatriados nos Países Baixos que ademáis cadran á perfección nese aire de multiculturalidade que soe darse nestas situacións. Aguantan, ademáis, coa dificultade engadida da narrativa de Valdebenito, moi achegada a eles, facendo un traballo de cámara que está constantemente ao seu carón e que, a través de moito movemento da unha sensación de liberdade e desa vida sen unha estabilidade que viven. É destacable, ademáis, cómo filmando básicamente dentro do espazo da vivenda, logra escapar da sensación de encerro para xerar un aire de liberdade onde o que nos importa é a intimidade entre as personaxes.
Destaca, tamén, cómo precisamente nese marco de relación tóxica que destroza a ambas partes (aínda que el sexa un animal que agrede en máis dunha ocasión e que aquí non imos exculpar) a película acaba centrándose nesta relación, deixando os aspectos circundantes das vidas deles en flashes momentáneos, facendo así que esa espiral de amor enfermizo nos envolva e non nos deixe saír. E nembargantes, como temos esos flashes, imos vendo o suficiente das súas vidas para non resultar monótona nin falsa.
Así, a honestidade e a potencia do guión fan que o filme, con todo o duro que é, se faga grande dende sinxelez e a pesar de tratar un tema non precisamente novidoso. Un bó descubrimento co cal mirarnos no espello e reflexionar sobre grandes erros que temos cometido.