Houbo un tempo no que, a pesar da dictadura franquista, os obreiros das factorías galegas uníronse para loitar polas condicións laborais, primeiro en Ferrol e despois en Vigo, e por qué non, para intentar derrubar a estrutura do Estado fascista. Dese tempo, e dos seus protagonistas, é do que nos fala este Vigo 1972 que Roi Cagiao presentaba no festival de Cineuropa.
O documental conta coa presenza de moitas das voces que se alzaron naquel momento decisivo. Naquela folga masiva que comezou sendo dos obreiros e rematou por ser da cidade olívica en xeral, con xente colaborando dende tendas, dende a lonxa… o que fixera falta con tal de que aqueles compañeiros de clase obreira sufriran o menos posible a opresión do Estado e das forzas mandatarias. Cada entrevista vai dando perspectivas diferentes e escoitamos dende a idea de que a folga era para botar abaixo o franquismo ata os prantexamentos feministas que algunhas tiñan na súa loita (e que chocaba co machismo imperante que prefería que quedasen na casa). Destacan entre estas voces, pola súa condición de figuras públicas, a de Camilo Nogueira, naquel momento enxeñeiro na Citroën viguesa e que se convertería posteriormente nunha figura clave da esquerda galeguista, Waldino Varela, fundador de CCOO de Vigo e concelleiro no seu momento co PCG, a avogada laboralista Elvira Landín ou o agora historiador pero daquela figura importante do comunismo galego Carlos Barros.
Deste xeito, por medio das entrevistas aos membros de sindicatos, e recollendo algúns dos informes que as autoridades ían dando, o documental avanza rápido e sen perder o seu foco na folga. Fálase das diferentes motivacións, das visións que teñen agora os seus protagonistas… e dende logo, de cómo se viviron aqueles 15 días de folga onde deixaron de traballar máis de 15.000 obreiros da cidade, por moito que, como diciamos, as axudas e a colaboración do resto da cidadanía eran un feito así que é imposible calcular cánta xente formou parte das protestas. Un fito histórico que, como se di no documental, probablemente sería unha data histórica de terse producido nunha cidade con máis repercusión estatal que Vigo.
Para a factura narrativa, Roi Cagiao recolle estas entrevistas e mestúraas con dramatizacións e imaxes de arquivo, que por desgraza non son da propia manifestación senón de outras folgas posteriores, xa que das manifestacións durante o franquismo, dado o seu carácter delictivo, era mellor non sacar imaxes para evitar recoñecemento, ademáis do posible linchamento da policía. De feito, o director contaba na charla posterior cómo un xornalista francés acabou sendo agredido e enviado de volta ao país galo soamente por intentar gravar. Unha mágoa que por desgraza fai que quede unha certa sensación de falta de coherencia, xa que por moito que demos máis ritmo e as imaxes ambienten bastante ben, o feito de non corresponderse co falado deixa marxe a pensar no real do relato. Polo menos, si temos imaxes de arquivo do Vigo da época e esas si ambientan correctamente.
Algo similar pasa coas dramatizacións que sacan un pouco do discurso e, como pasa moi habitualmente con elas, aportan menos do que daría o testemuño directo na entrevista. Polo menos están estupendamente rodadas e montadas con pantalla partida ata en tres imaxes, dando un aspecto case de cómic e moi moi fresco. Pasa algo semellante coa música, moi presente en case todo o documental e nalgún momento facéndose excesiva a súa presenza e facendo perder forza ao propio discurso, ao recoller ela a pretensión ambiental.
Con todo, é un documental que facía falla para lembrar e non esquencer un momento esencial na loita obreira e na loita contra o réxime franquista. Moi necesario ademáis, no momento histórico actual, no que parece imposible pensar nunha loita semellante e, sobre todo, nunha conciencia de clase semellante. E non é que non faga falla, precisamente.