Cineuropa-32-Escandalo

Estamos en tempos duros, tempos de censura e de xente que se escandaliza por nimiedades. Probablemente fose iso o que levou á organización de Cineuropa, o gran festival de cinema compostelán, a adicar esta 32ª edición ao cinema que provocou escándalos no seu tempo. Unha selección de filmes que irán dende A Laranxa Mecánica (A Clockwork Orange, Stanley Kubrick, 1971) ata Saló,Ou os 120 Días de Sodoma (Salò o le 120 Giornate di Sodoma, Pier Paolo Pasolini, 1975) pasando por O Fotógrafo do Pánico (Peeping Tom, Michael Powell, 1960), Cotovías no Arame (Skřivánci na Niti, Jiří Menzel, 1969) ou Ámote… Mais Eu Non (Je T’Aime Moi Non Plus, Serge Gainsbourg, 1976).

Cineuropa-32-Escandalo

Mais, como é obvio, o festival non se vai nutrir soamente do escándalo, e coma sempre vai traer unha selección de filmes de prestixio internacional, destacándose a nova obra do non menos polémico Lars Von Trier, A Casa de Jack (The House That Jack Built, 2018), Un Asunto de Familia (Manbiki Kazoku, Hirokazu Koreeda, 2018), a húngara gañadora do FIPRESCI Atardecer (Napszállta, László Nemes, 2018) ou a obra sobre a subida ao poder de Silvio Berlusconi que estrenou este ano o xa recoñecido e habitual do festival Paolo Sorrentino, Silvio e os Outros (Loro, 2018).

O catálogo seguirá a encherse, ata sumar máis de 300 títulos, a través das xa típicas seccións Latidoamericano, onde nos achegaremos ao cono sur das américas para ver o que está a chegar dende alí, o Panorama Audiovisual Galego, cunha selección de 13 títulos de directoras galegas, ou Fantastique Compostela, onde teñen cabida as obras máis achegadas ao xénero fantástico e sobre todo de terror. Sumamos a esto o foco en dous directores fundamentais e demasiado esquecidos como Eloy de la Iglesia e Kōji Wakamatsu (con 6 e 7 obras seleccionadas respectivamente), unha retrospectiva sobre o cinema romanés dos últimos 100 anos resumidos en 15 obras fundamentais coma A Reconstrución (Reconstituirea, Lucian Pintilie, 1968), unha pequena homenaxe á lembranza de Claude Lanzmann con Shoah (1985), Sobibór, 14 Octobre 1943, 16 Heures (2001) e Un Vivant qui Passe (1999) ou unha desas seccións que amosan por que Cineuropa é tan importante máis aló do cinema, pola súa postura: unha sección de cinema feminino e feminista titulada O Presente é Muller, no que ademáis podemos atopar dúas subseccións, unha adicada ás mulleres dentro do cinema experimental latinoamericano e outra, unha mostra do Centro Simone de Beauvoir.

En canto a todas esas actividades que van máis alá da mostra de filmes, este ano os premios Cineuropa serán entregados a Isaki Lacuesta o día 8 de novembro, a Ángela Molina o día 17 e a Antonio Durán “Morris” o día 28. Así, serán os momentos álxidos dun festival que terá a inauguración o día 7 de novembro co filme do uruguaio Álvaro Brechner A Noite de 12 Anos (La Noche de 12 Años, 2018) e seguirá durante 21 días, ata o 28. Por certo, esas dúas sesións especiais que son o Maratón e a Película Sorpresa, poderedes velas o 23 e 22 respectivamente, contemplando o Maratón as películas Border (Gräns, Ali Abbasi, 2018), What Keeps You Alive (Colin Minihan, 2018), Ghostland (Pascal Laugier, 2018), Santa Sangre (Alejandro Jodorowsky, 1989), El Gran Amor del Conde Drácula (Javier Aguirre, 1972), Síntomas (Symptoms, José Ramón Larraz, 1972), Escalofrío (Carlos Puerto e Juan Piquer Simón, 1978) e a Película Sorpresa do Maratón. Esto é, 680 minutos (máis de 11 horas) sen contar coa película sorpresa e sen contar os paróns… un Maratón dos que supoñen un reto como debe ser.

Unha edición de Cineuropa que promete non só escandalizar, senón volver a encher as rúas de Compostela no mellor marco para asistir ao máis novo do cinema internacional, nun festival inabarcable e do que deberiades ir facéndovos o calendario xa. Se queredes, como axuda, deixámosvos aquí o enlace ao programa en dixital.