Mundodisco

Fai case 3 anos que Terry Pratchett nos deixou, quedando o seu inconmensurable legado especialmente coa saga de Mundodisco (ou Discworld se o preferides). Unha saga que chegaría a superar as 40 entregas cheas de humor e situacións surrealistas nun mundo de fantasía plano e no que a maxia é o poder que rixe todo. Pois ben, toda a comunidade de fans estamos de noraboa, porque a BBC vén de anunciar que vai estrear unha serie de 6 episodios baseada no Mundodisco, aínda que a intención é a de facer máis tempadas e darlle unha continuidade maior.

Según conta Deadline, o título que levará a serie será The Watch o cal fai pensar que se trata da serie sobre A Garda que levaba intentando facerse dende 2011 e da que apenas se soubo nada nos últimos anos. A intención é de lanzala en setembro de 2019.

Aínda que a produción está na súa primeira fase, a serie será coproducida por BBC Studios e Narrativia, a produtora que o propio Pratchett fundara en 2012, agora liderada por Rhianna, a filla de Terry Pratchett e Rob Wilkins. Todo parece apuntar a que será escrita por Simon Allen, coñecido polo seu traballo como guionista nas series Os Mosqueteiros ou New Tricks. Por suposto, aínda non sabemos nada do argumento, aínda que parece que podería tratarse dunha serie de investigación ambientada na cidade de Ankh-Morpork pero claro, mesturando toda a fantasía do mundo de Pratchett e protagonizada polo servizo de protección d’A Garda, que se tería que enfrontar a dragóns, zombies ou trolls.

O Mundodisco, creado por Pratchett en 1983 na súa novela A Cor da Maxia (The Colour of Magic) é un mundo ficticio caracterizado por ter forma de disco que se atopa sobre catro elefantes que á súa vez están sobre unha tartaruga mariña xigante que viaxa polo espazo. Nese mundo, en lugar de funcionar todo a través da física, é dende a maxia dende onde se estabrece a orde. A saga, composta por 41 novelas e seis historias curtas, logrou unha enorme repercusión grazas ao seu senso do humor e da aventura e podemos atopar adaptacións a outros medios, dende videoxogos, rol, curtas…

Mundodisco