Back to the Future Part III: Timeline of Monkey Island - Principal

Nesto da subcultura é moi común atoparnos con fans que desenvolven tal nivel de amor por unha saga que rematan por xerar mundos alternativos nese universo orixinalmente creado. Eso é o que decidíu facer Daniele Spadoni, pero escapando de facelo nunha soa saga e mesturando dúas a priori abandonadas por diferentes motivos. Deste xeito, xurde na súa cabeza levar ao mesmísimo Marty McFly á illa de Mêlée e así mesturar as aventuras do viaxeiro do tempo subido nun DeLorean coas do pirata Guybrush Threepwood. O título non pode ser máis evidente na súa idea: Back to the Future Part III: Timeline of Monkey Island (Regreso Ao Futuro Parte 3: Liña de Tempo de Monkey Island).

Back to the Future Part III: Timeline of Monkey Island - Principal

A idea básica é que Doc morreu no ano 1655, tal e como atopa Marty nunha tumba erixida por ‘a súa querida Marla, mestra da espada de Mêlée Island’ despois do final de Regreso Ao Futuro 3, e decide ir ata alí a axudar ao seu amigo. Deste xeito, ambos mundos se mesturan e poderemos manexar a Marty polos terreos da illa de Mêlée situándose a acción tamén despois de que Guybrush e Elaine rematasen sendo parella.

Non deixa de ser curioso que ambas sagas xa se tocaran, en certo xeito, a través da xa defunta Telltale Games. A compañía xa nos dera, durante o seu tempo de máximo éxito, a última entrega de Monkey Island (Tales of Monkey Island) e tamén unha adaptación a videoxogo de Regreso ao Futuro (Back To The Future: The Game). Pero con todo, eran dúas sagas separadas e o feito de unilas nun mesmo universo, con todo o que elo podería conlevar en canto a licenzas (máis tendo en conta que Zemeckis xa deu por pechado o universo Regreso ao Futuro e Monkey Island, propiedade de Disney, tampouco parece ser un produto que vaia darnos máis alegrías), só podía ser feito a través desto: da vontade dun fan que só busca a diversión e escapa de calquera posibilidadede sacar beneficio económico.

Back to the Future Part III: Timeline of Monkey Island aínda está en desenrolo, e como todo proxecto feito por fans no seu tempo libre e sen interese económico detrás, non hai datas de lanzamento. Nembargantes, as imaxes que van aparecendo e as actualizacións que vai subindo o propio creador no foro de AGS (https://www.adventure-treff.de/forum/5/24300) son moi esperanzadoras e de feito incluso existe xa unha demo que podedes descargar aquí.

Deixámosvos, para que quededes con tantas ganas coma nós de que este Back to the Future Part III: Timeline of Monkey Island sexa unha realidade canto antes, con unha recompilación das imaxes que temos ata agora: