Super Mario Family
Super Mario Family

Nintendo vén de anunciar que está a producir unha nova adaptación cinematográfica de Super Mario onde veremos ás personaxes da franquicia animadas por parte de Illumination Entertainment, a compañía que xa nos trouxo as sagas de Gru: Meu Malvado Favorito e Os Minions. Deste xeito, podemos ter a tranquilidade de que polo menos o traballo que se faga dende detrás das cámaras terá un nivel digno dos personaxes do mundo dos champiñóns.

Así, poñen fin ás especulacións que había sobre as intencións do xigante nipón de expandir os universos dos seus videoxogos dende que en 2016 Tatsumi Kimishima, CEO e presidente de Nintendo, dixera que quería que Mario, Luigi e a Princesa Peach chegasen á gran pantalla.

A decisión non é de estrañar, tendo en conta o tremendo éxito que os xogos de Nintendo están a ter na actualidade, chegándose a colas de ata catro horas para xogar co último xogo no E3 de 2017 e con impresionantes cifras de ventas coa Nintendo Switch. Iso si, aínda descoñecemos quén vai dirixir, escribir ou poñer voces ás personaxes, así como argumento ou data de estrea. Respecto a esta última especúlase pola rede, a través de análises dos calendarios de traballo de Nintendo, que como moi cedo podería ser 2020, o que querería dicir que aínda nos queda moito por agardar.

Lembrámosvos que o fontaneiro italoamericano máis famoso xa fora adaptado ao cinema, pero neste caso de imaxe real, en 1993, cunha cinta moi pouco inspirada dirixida por Annabel Jankel e Rocky Morton e protagonizada por Bob Hoskins, John Leguizamo e Dennis Hopper, así como a 3 series de animación bidimensonal (unha delas con esceas en imaxe real) que conseguiron un éxito bastante escaso aínda que a día de hoxe se convertisen en obxecto de culto nostálxico. Por sorte os tempos cambiaron e seguro que este novo film será moito máis fiel ao mundo no que se desenrolan os videoxogos da franquicia enseña de Nintendo.

Luis E. Froiz

Luis E. Froiz

Cineasta, músico, programador, ás veces escritor... sempre me dixeron que quen moito abarca pouco apreta. Pero esquencíanse da diversión de adicarme a todo o que me apaixoa.

Outros artigos

Redes sociais:
TwitterFacebookYouTube