The Waylanders Logo

A desenvolvedora afincada en A Coruña, Gato Studio, vén de lanzar a campaña de Kickstarter do que será o seu novo xogo, The Waylanders. Trátase dun RPG de corte clásico ambientado nunha Galiza mítíca celta. Entre os seus stretch goals podénse atopar a inclusión de localizacións tan nosas como as Illas de Ons, novas personaxes ou incluso a colaboración de persoeiros tan importantes no sector como Emily Grace Buck, unha das guionistas de TellTale Games, o estudo de videoxogos que saltou á palestra por ter feito un ERE que afectou a toda a súa plantilla nas semanas pasadas.

The Waylanders Logo

Pero ademais de Emily Buck, The Waylanders conta entre o seu equipo con profesionais tan coñecidas no sector como Mike Laidlaw, o responsable de xogos como Dragon Age ou Mass Effect. Non en van, os medios refírense a The Waylanders como o “Dragon Age galego”.

Gato Studio tamén conta coa colaboración de Ton Puey, o mestre de esgrima histórica, que se encarga de realizar os movementos cun traxe de captura para, deste xeito, mostrar combates realistas e precisos.

Entre os stretch goals sociais, inclúese a localización de Fisterra se se chegan a 3.000 subscritores na páxina de Steam de Gato Studio: https://store.steampowered.com/developer/gatostudio.

O xogo conta de base con catro razas xogables, seis clases básicas máis trinta avanzadas e oito compañeiros da personaxe principal, a cal poderemos crear ao noso gusto. Todo isto pode ser ampliado se se chegan ao obxectivo e se desbloquean os stretch goals que propoñen.

De momento, pouco sabemos da historia. Existirá a posibilidade de viaxar no tempo, polo que ademais da Galiza celta poderemos pasear por unha Compostela medieval. Sabemos que existirá a posibilidade de manter un romance cos compañeiros do grupo e que as nosas accións durante a historia afectarán ao desenvolvemento e ao final. Deste xeito, cada decisión conta e moitas delas serán difíciles de tomar, supoñendo unha encrucixada ética para o xogador.

Podemos xa ver algún vídeos de gameplay e só podemos decir que o xogo ten un aspecto impresionante, cunha estética diferente, que potencia a idea de lugar máxico e mecánicas moi novidosas dentro do xénero. The Waylanders contará coa posibilidade de realizar formacións coas personaxes do grupo, aumentando así a estratexia nos combates.

En todo caso, deixámosvos o enlace da campaña de Kickstarter, onde podedes atopar vídeos e capturas de imaxe: https://www.kickstarter.com/projects/432712414/the-waylanders-the-rpg-videogame/description

Avatar

A Nigromante

Doutora, roleira, karateka e espadachina coa sorte de poder adicarse a aquelo que ama: os xogos.

Outros artigos - Web

Redes sociais:
TwitterFacebookLinkedIn