Unha idea que eu creo que nos pasou a tódalas persoas que traballamos no audiovisual é a de facer unha película tirando só de material en dominio público. Unha idea que a menudo desbotamos por non atopar unha boa historia con coherencia e porque nos decatamos de que o tempo para levalo a cabo, na parte de documentación, sería enorme. Pois aínda así, Arthur Tuoto decidíu seguir ata o final coa idea e fixo Carnívora. Un risco, baixo unha idea de suposta experimentación que ao final só serve como reflexión sobre qué é o importante na narrativa audiovisual.
Cunha duración de 63 minutos (o mínimo para ser considerada como longametraxe), o que vemos en Carnívora é unha adaptación do relato homónimo de Katherine MacLean escrito en 1953, intercalado con imaxes. Como idea está ben. O relato, en primeira persoa e pasado, vai situándonos nunha realidade na cal unha muller é recollida por uns alieníxenas tras unha guerra nuclear na Terra. Un relato con moita forza que prantexa a orixe da violencia do ser humano e tende, no seu ideario, cara estas teses de certo veganismo baixo o cal a violencia e o consumo de carne se relacionan dende unha lóxica instintiva. Unha idea que, dende logo, en 1953 resultaba moi forte e que aínda hoxe pode ser obxecto de debate. Funciona ben, mantén ben o interese e ademáis, o audiolibro escollido por Tuoto (tamén dominio público) está ben narrado. Así que toda esa parte é un bó comezo.
Todo o problema do filme está no conxunto xeral. As imaxes, con moito de documentais sobre o perigo atómico, momentos gravados no pasado e escenas cotiás non vai fiando ningunha historia. Non hai relación entre eles, e a voz, cando se escoita, faino sobre a imaxe en negro. Co cal, o que se nos ofrece son una serie de imaxes aleatorias, e un texto con forza, pero que ademáis gañaría máis sen todos esos espazos en silencio nos cales só escoitamos ou o audio dos vídeos ou unha banda sonora ambiental de ruído escuro. Como experiencia, pode ser curioso, pero para mín reflexa precisamente o por qué a maioría de creadores que pensaron en facelo antes, desbotaron a idea. Podería falarse de deixar nas mans do espectador o fiar a historia a partir desos retazos que se mostran, pero tratándose ademáis de planos non gravados ad-hoc, eu vexo máis unha intención ambiental que funcionaría nun formato máis curto, pero que índonos a unha hora de metraxe, acaba por ser redundante e repetitivo.
Como punto positivo, iso si, queda o interese ambiental desas imaxes de arquivo e o ver cómo funcionan entre elas para intentar facer algo similar a avisar dos perigos da guerra nuclear. Un experimento ambiental que pretende xogar con conceptos de videoarte, pero que queda sen ningunha forza propia e dando a sensación de que de diversas fontes moi potentes, acaba por sacar un resultado anodino e repetitivo a pesar da súa escasa duración.
Por se queredes botar un vistazo, porque dende logo é interesante como experimento, tendes unha especie de trailer de Carnívora no Vimeo de Arthur Tuoto onde queda moi clara a premisa, só que con menos espacio entre textos e cunha duración total de 2 minutos e 48 segundos: