Que o dos percebeiros é un dos traballos que mellor punto dan para facer un documental e conseguir planos agradecidos é algo que na Galiza xa sabemos de fai moito tempo. Que é xente dura e que esos riscos que collen para apaña-los percebes o demostra, tamén. De feito, é algo que incluso a BBC explotou fai pouco. Partindo de aquí, dun concepto que pode resultar pouco orixinal, Manuel Lógar fai que os 90 minutos de Entre A Onda E A Rocha sexan tremendamente desfrutables, tanto a nivel estético como de aprendizaxe.
O que propón o director coruñés nesta obra que se iniciou como un proxecto fin de grao e rematou por ser un traballo moito máis grande, é un documental moi clásico. Entrevistas aos percebeiros da zona, vistas das loitas internas na cofradía e reflexións sobre o mar, a vida, e todo o que veu dende o Prestige, que supuxo un cambio enorme nas relacións entre os percebeiros e cómo consideran o mar. Moi interesante a aproximación que fai a eles, entrando nas súas casas e compartindo momentos íntimos, conseguindo así unha gran credibilidade no mostrado e no relatado.
Onde atopamos un maior interese é no aspecto fotográfico. E iso que no pase de Numax vimos, por erro, unha versión na cal se cortou parte da imaxe pola parte de abaixo. Pero é que os planos do mar, mesturados con gravacións de drone e unha narrativa pausada que deixa que desfrutemos da acción e da paisaxe fan que nos transportemos absolutamente a esos entornos da zona de Muxía. Manuel Lógar, coa axuda na fotografía de Mael Santiago fai un traballo exemplar neste senso. Entre A Onda E A Rocha transmite a sensación de levarnos á costa da morte e xogarnos a vida cos percebeiros, explicando a nivel emocional esa paixón que teñen polo mar. Pero tamén facéndonos sentir o perigo que corren día a día.
Esta fotografía de exteriores e o bó ritmo de montaxe neses momentos do traballo dos percebeiros queda un chisco cortado con algúns momentos de metraxe cun aporte excesivamente emocional e innecesario, que desvirtúan un pouco o conxunto. Por exemplo, atopámonos cun momento no cal as fillas dun dos percebeiros están a abrir regalos. Un plano que realmente non leva a ningures e só ataca á parte emotiva. E estaría ben, pero é que esa parte emotiva xa estaba cuberta, e de sobras, coas loitas entre os percebeiros por intentar sobrevivir e reflexionar sobre cómo conservar para todos, vivir o mellor posible e non esquilmar o percebe. Con esa loita diaria e dura que fai da necesidade de entenderse como grupo algo vital.
Algo semellante ocorre con momentos ficcionados do film. Introduccións que Lógar mete a xeito simbólico e que nos sacan do narrado. Destaca nese senso unha secuencia na que vemos á Santa Compaña xusto cando un dos percebeiros está a falar dos compañeiros mortos. Unha serie de planos tan preciosistas como innecesarios, que ademáis parecen quitar ferro á dureza do relato de ver cómo un compañeiro é levado polo mar. Pero que polo menos deu a Lógar a oportunidade de explicar esa secuencia en diversos festivais, ao resultar unha referencia moi nosa pero que fóra non queda tan clara.
Como colofón, dicir que é un documental moi a ter en conta, e que se ben dende a Galiza xa temos asumida a vida dos percebeiros, é interesante o mostrar dende aquí a visión deles, en vez de que teña que vir a BBC a facelo. E xa con isto sería suficiente, pero o estético do relato e o gran traballo que fai ao respecto de entrar nas súas vidas faino especialmente interesante no xénero.