Parece que foi onte e fai xa 5 anos dende o lanzamento do primeio número do fanzine Exhumed Movies alá polo 2012, e dende entón as andainas deste grupo foron ampliando medios. Radio, un dos grupos de Facebook sobre cine máis activos en español, e o que hoxe nos trae aquí, as mostras e maratóns de cine que organizan en Salamanca.

Tiven o pracer de ir á primeira das mostras. Unha primeira toma de contacto con Javier Castellanos e José Antonio Diego, os grandes monstros que están tras este proxecto (pero non os únicos), e tamén con Salamanca (cidade que dende entón segue a terme namorado). Daquela, o que fixeran era unha mera mostra de cinema, con algunhas curtas e non moito máis. Unha excusa para xuntarse amigos e fanáticos do cinema, e desfrutar de obras como A Semana Do Asasino (Eloy de la Iglesia, 1972), Gomia, Terror No Mar Exeo (Joe D’Amato, 1980) ou Baía De Sangue (Mario Bava, 1971). Tendo ido á ultima das maratóns que organizaron, sobre cine postapocalíptico e a esta 4ª mostra, podo dicir que parece que esa excusa para ver películas quedou na idea do maratón, e a mostra xa é algo totalmente diferente.
Explícome. O principal, o leitmotiv que nos leva a xuntarnos alí, segue a ser o cinema, obviamente. Pero a selección de curtametraxes abríuse tremendamente, así como a presenza doutros medios artísticos, sempre dende a perspectiva das marxes da industria e buscando ese amor polo fantástico e ese aire de subversión que teñen as artes cando se fan dende as entrañas. Así, o que vivimos foi unha mestura de creadores, unha toma de contacto entre xente chegada de todas partes da península, cunhas mesmas paixóns e que acabamos formando parte desa especie de gran familia que é Exhumed.
É importante, nese senso, ver cómo dende a organización xa se busca esa integración entre distintas disciplinas, primeiro nos eventos adxacentes á mostra, como os coloquios sobre literatura fantástica, o concurso de microrrelatos (con Miguel Borgas lendo os 4 primeiros nos descansos dalgunhas pelis) ou as dúas exhibicións de pintura das que falaremos máis adiante, xunto á presentación do cómic feito entre Ibán Labestia e Alberto Bellido (que podedes apoiar no seu Patreon).

Pero as actividades non serían máis que eso sen a actitude dos invitados á Mostra. Dentro da parte pictórica, Iban Labestia, coa súa exhibición No Solo De Cine Vive El Monstruo, a camiño de xeito magnífico entre o surreal e o pop art mesturado coa influencia do cómic estivo todo o sábado por alí, explicando cómo para el o seu arte é un xeito de exorcizar demos e sacar de dentro o que quere estar fóra. Ana E. Quiñonero, activista cultural a través da súa asociación Como un Jabalí con Tacones tamén estaba alí co seu homenaxe en acuarela ás musas das portadas do fanzine e facendo o mellor photocall que podía ter un festival coma este, explicando a súa técnica e o seu traballo, así como a visión dunha artista que leva anos traballando sen parar. Dentro da parte literaria, ademáis do xa citado cómic, quédome tamén coa presencia constante de autores como Miguel Borgas ou Samir Karimo, vendendo e firmando as súas obras e sempre abertos a falar, recomendar cousas e botar unhas risas.
Pero non só eso, senón que, obviamente, fanzines (presencia incluída do Neutron, o primeiro fanzine de fantástico feito en España alá polo 1974 e o seu editor, Txema Gil), libros de cine, música de bandas como WxOxBx (onde toca a batería o propio Javier Castellanos) ou Koheigen (co propio Iban Labestia á voz)… Un ambiente, en xeral, marabillosamente multimedia e multidisciplinar onde todos tiñamos unhas referencias e gustos comúns, aprendendo e ensinando mutuamente.
Xa centrados no esencial, no cinema, puidemos ver curtametraxes de bó nivel, sempre encamiñadas dende o fantástico. Téndome perdido o primeiro día de mostra, onde se abríu xa co escuro e magnífico La Calabaza Andante do xa citado Alberto Bellido (podedes velo aquí) quédome a nivel persoal co 365 do murciano Borja Ros, unha historia postapocalíptica gravada en entornos abandonados cunha coidadísima fotografía, e con Fe, unha nova idea sobre os exorcismos, dirixida por Juan de Dios Garduño con aconsellamento técnico do mesmísimo Tom Holland. Tamén puidemos desfrutar dunha homenaxe ao coruñés Amando de Ossorio en El Último Guión, dirixido por David Sariñena, e outra ao cinema poliziesco a tavés da estrea do mediometraxe La Polizia Mata, La Víctima Agradece, dirixida por Óscar Villalta e feita, esencialmente, pola familia Exhumed, coa presenza dos propios directores do fanzine, redactores do mesmo e amizades do grupo. Un filme feito dende a paixón e pola diversión, que desprende moitísimo carisma e guiños constantes ao xénero, suplindo con esto a falta de medios e convertindo a sala, obviamente expectante ante a estrea, nunha caldeira de aplausos e risas.

Nos filmes, un pouco o que esperamos e levamos atopando nestos eventos dende o primeiro. Cintas de Mojica Marins (Delírios De Um Anormal), Paul Naschy (El Carnaval De Las Bestias), José Ramon Larraz (Los Ritos Sexuales Del Diablo) ou a que para mín foi un descubrimento enorme, A Conta Está Saldada, de Stelvio Massi. Clásicos escuros e bizarros, dos que me da mágoa terme perdido o primeiro día polo pase d’A Historia De Ricky de Lam Ngai Kai, pola curiosidade de cómo tería sido a reacción do público ante os marabillosos excesos da cinta.
Pero o importante, co que me quedo, é co ambiente, sempre festivo, sempre de gran familia que se xunta e sobre todo de paixón pola cultura e polo arte. Dous días que puiden pasarme, máis outro que me pesou perderme, máis un pase máis familiar con Vampiros En La Habana (Juan Padrón, Ernesto Padrón, 1985) que tiven que empregar en estar pola cidade, con intercambio de ideas, experiencias e nacemento de amizades e proxectos. O ano que vén, máis e seguro que aínda mellor.