Por desgraza, para a meirande parte da xente, o nome de Marsha P. Johnson non di nada. Se a contextualizamos un chisco e falamos dela como unha das creadoras do movemento S.T.A.R. (Street Transvestites Action Revolutionaries), probablemente tampouco soe a campá. E se a contextualizamos un chisco máis e falamos dela como a Rosa Parks do movemento LGTBI -e esto non é algo que me invente eu, senón que é un alcume que se lle da habitualmente-, polo menos xa se debería ir albiscando por onde van os tiros.
O feito de que falar dela non sexa algo habitual, de que a súa presenza nos medios fose marxinal e na historia da loita na rúa polos dereitos civís non se teña apenas en conta pon de manifesto a falta que facían, e aínda fan, as súas reivindicacións. Porque Marsha P. Johnso foi, básicamente, unha das pioneiras na loita pola visibilización, aceptación e integración social das persoas non hetero cisxénero. Nada en New Jersey en 1945 e morta en Nova Iorque en 1992, a súa condición de muller transxénero negra e drag queen fixo que, cando se producíu esa morte, atopando o seu cadáver flotando no río Hudson, as autoridades non investigasen demasiado o caso, provocando unha onda de protestas por parte de toda a comunidade LGTBI.
Neste documental, esencialmente o que se nos vai contando é a revisión desa investigación por parte de Victoria Cruz, unha antiga amiga de Marsha P. Johnson, activista LGTBI e parte do Anti-Violence Project, unha iniciativa que axuda ás víctimas LGBTI de violencia e violacións. Deste xeito, a través desa procura de novas evidencias, unindo fíos e entrevistando á xente que vivíu aquel tráxico suceso, imos indagando na vida e obra de Marsha. Aprendemos o que foi o S.T.A.R., vemos e escoitamos falar a Sylvia Rivera -compañeira de Marsha na creación da asociación e unha das súas grandes amigas-, vemos, pouco para o meu gusto, información sobre os disturbios de Stonewall…
Impresiona, en todo o metraxe, ver por exemplo a degradación de Sylvia Rivera na etapa depresiva posterior á morte de Marsha, chegando a vivir entre cartóns nos peiraos do Hudson, completamente alcoholizada, ou as reflexións sobre a violencia que hoxe en día segue a sufrir o colectivo transxénero con total impunidade. De feito, impresiona tamén ver e escoitar, da boca de Sylvia, cómo o movemento gay chegou a darlles a espalda sen razón aparente, incluso ata o límite de intentar invisibilizalas nas marchas gays de Nova Iorque nos anos 70. E resulta totalmente estremecedor comprender a través de todo isto os casos de persoas asasinadas e violadas, xunto co aire de marxinalidade ao que están, aínda hoxe, condenadas.
Realmente, en canto a documentación, estamos ante un traballo tremendamente bó, que serve para achegar ao público máis masivo unha das figuras esenciais na loita pola igualdade de dereitos. Unha figura habitualmente esquencida, a pesar de que dentro do movemento si sexa coñecida. O bó é que, ao tratarse dunha figura tan activa e que se moveu moi ben en ambientes culturais -chegando incluso a ser musa dalgún cadro de Warhol-, a cantidade de vídeos e entrevistas que hai fan que o interese do documental, a nivel narrativo, medre moito. Ver os desfiles gays dos 70, vela a ela polas rúas, ver o interior da casa S.T.A.R. que ela e Sylvia Rivera abriran para axudar á xente LGTBI sen recursos, habitualmente relacionadas co mundo da droga e da prostitución… son documentos que deixan sen alento pero fan moito por explicar, sen verbas, quén era Marsha P. Johnson e por qué debemos falar dela como unha gran revolucionaria.
Se hai que botarlle algo en cara ao documental é o feito de que, ao tomar como fío condutor a investigación de Victoria Cruz, tamén tende moito a seguir a súa liña de pensamento, que é a da comunidade gay do ano 92. Seguramente sexa certo que é moi estrano que Marsha se suicidase dado o seu carácter, e certo é que no documental se atopan unha serie de documentos que fan, canto menos, sospeitar de que puido haber influencia de terceiros na súa morte -e moi posiblemente relacionados coa mafia, que naquel momento era ademáis quen controlaba económicamente o desfile LGTBI de Nova Iorque-. Pero parece que hai unha intención máis concreta en buscar culpables e non a verdade (e ollo, que insisto en que para mín, tamén acaba cheirando todo a que a versión oficial ten moitas fallas). O que queda en claro é que Victoria, cun pouco de traballo feito 25 anos despois, saca conclusións e atopa cousas que non se tiveron en conta no seu momento. E iso si demostra que houbo unha certa deixadez na investigación orixinal, probablemente debido á clase de persoa que era Marsha e a pouca importancia da loita LGTBI naquel momento.
Boto de menos, tamén, unha maior contextualización da loita política, e como xa dixen especialmente dos disturbios de Stonewall -momento clave ao arrinconar á policía nunha redada contra travestis e iniciar así o movemento- e da dificultade da loita mental, demasiadas veces solucionada a través do consumo de drogas varias. Temas que están aí, pero que parece non querer tratarse demasiado ao representar certas sombras, sobre todo de cara á idealización de Marsha P. Johnson na liña de pensamento da sociedade benpensante e pequenoburguesa. Serve, realmente, como caramelo para indagar moito máis. Persoalmente, recomendo botar un vistazo ao fanzine Street Transvestite Action Revolutionaries (STAR): Survival, Revolt, and Queer Antagonist Struggle, editado por Untorelli Press en 2013 e recopilando numerosos textos, entrevistas e discursos das dúas ideólogas do S.T.A.R.. Moi moi completo e que serve á perfección como complemento a este documental. Cecáis sexa interesante, como fixen eu, ler primeiro o libro e despois ver o documental, principalmente para sobrecollerse cos momentos mostrados ao ter xa un vínculo maior coas protagonistas.
Realmente, un documental moi necesario, reivindicando unha figura esencial nunha loita que aínda ten moito por percorrer, e resultando marabilloso o feito de que unha canle como Netflix teña a ben editalo e promovelo. Porque facer saber quén foi Marsha P. Johnson, e qué quería o S.T.A.R. é un comezo para poder chegar a normalizar a vida de millóns de persoas no mundo.