Jordan Peele decide comezar Nós no mesmo xeito que comezaba Gaspar Noé Climax uns meses antes: amosándonos unha televisión de tubo e certas referencias de vídeo para, por unha banda situarnos en épocas pretéritas (Noé nos 90, Peele nos 80 aínda que despois salte á actualidade) e pola outra rendir homenaxe a cintas e obras que lles inspiraron. Mais se Noe enchía moitísimo metraxe e facía unha chea de referencias nese plano, Peele faino moito máis sutil, máis dixerible. Non é raro, xa que os públicos aos que van ámbolos dous directores son bastante diferentes. Iso si, as diferenzas referenciais non son tan grandes. Peele deixa claro en Nós que o seu gusto polo subterráneo é grande… e estou seguro de que a moito público xa o gañou co VHS de C.H.U.D. (Douglas Cheek, 1984) aí posto -tamén hai outros máis coñecidos como o de Os Goonies (The Goonies, Richard Donner, 1985), o de Pesadelo en Elm Street (A Nightmare on Elm Street, Wes Craven, 1984) ou o de Elixidos Para a Gloria (The Right Stuff, Philip Kaufman, 1983)-, ou coas diferentes camisolas de Black Flag amosando a evolución na moda e no consumo da banda de Hermosa Beach.
Por certo, respecto a C.H.U.D., se non coñecedes a peli o seu título é un acrónimo para Cannibalistic Humanoid Underground Dwellers (Humanoides Caníbales Habitantes do Subterráneo), ou como se fixo nunha traducción ao español… Caníbales Humanoides Ululantes Demoníacos. De tódolos xeitos, esta peli non só ten lóxica que lle encantase a Peele, senón que el mesmo ten comentado que ten unha conexión persoal con ela, xa que o pai da súa primeira moza cando era adolescente era Douglas Cheek, director da mesma. Así que garda unha boa lembranza dela respecto a esa época dos 80 e primeiros 90.
Seguindo coas referencias, cadrando coa estrea incluso se fixo pública por parte de Lupita Nyong’o a lista de pelis que Peele recomendaba ao seu reparto para ter unha ‘linguaxe común’. Unha lista de 10 obras que incluía:
– Os Paxaros (The Birds, Alfred Hitchcock, 1963)
– O Resplandor (The Shining, Stanley Kubrick, 1980)
– Morrer de Novo (Dead Again, Kenneth Branagh, 1991)
– Funny Games (Michael Haneke, 1997)
– O Sexto Senso (The Sixth Sense, M. Night Shyamalan, 1999)
– Historia de Dúas Irmás (Janghwa, Hongryeon, Kim Jee-woon, 2003)
– Martyrs (Pascal Laugier, 2008)
– Déixame Entrar (Låt Den Rätte Komma In, Tomas Alfredson, 2008)
– Babadook (Jennifer Kent, 2014)
– It Follows (David Robert Mitchell, 2014)
E estas pelis entón, están en Nós? Pois dende logo que moitas cousas de moitas delas, si. Tal e como xa pasaba coa ópera prima de Peele, Déixame Saír, Nós é unha obra que xoga cos subxéneros, mesturándoos e axitando a cocteleira ata conseguir unha obra única aínda que en moitas ocasións nos pareza estar ante camiños xa percorridos. O que pasa é que se xa na súa película de 2017 había moitos elementos que parecían sacados d’A Dimensión Descoñecida (The Twilight Zone, Rod Serling, 1959-1964) en canto a como xiraba e como pasaba de explicar certas cousas só para buscar o estrañamento, aquí lévao máis ao extremo. Constantemente sabemos que hai máis cousas máis raras, que vai haber máis xiros e que a tensión rematará para xirar de novo. Ata un final tolo e cheo de intención de deixarnos co cú torto.
De tódolos xeitos, se collemos esas películas, na súa maioría vemos que hai un compoñente común bastante extendido: a tensión e o mal rollo que xeran no público. Unha tensión que en Nós funciona máis a golpes. Si se xera, e hai momentos con moitísima forza. Certas escenas, centradas no xénero de invasión caseira, son capaces de facernos agarrar a butaca con moita forza. Pero en conxunto, véselle demasiado o intento de fuxir cara diante e cando os xiros chegan é doado que xa esteamos a esperalos. Iso si, a procura de incomodidade e de estrañamento que fan que valla a pena. Ademáis, o que fai é crear un mundo a semellanza do real… mais no que adopta as súas propias normas e sabendo que pouco importan moitas explicacións para o funcionamento da historia.
Destaca, con moito, o xa sabido traballo de Peele como humorista. Cecáis sexa neso no que queda unha maior firma autoral en Nós. O director e guionista non dubida en xogar coa súa película e coas sensacións que transmite, metendo chistes en medio de momentos de tensión e combinando risas e crudeza visual. E isto faino tanto a través dos diálogos como a través da súa selección musical, maxistral a todas luces, especialmente no momento no que comeza a soar o Fuck Tha Police de N.W.A..
Mención aparte merecen as actuacións, especialmente a das dúas actrices que interpretan á protagonista, Madison Curry nas escenas de cando ela é cativa -esas que transcurren nos 80- e Lupita Nyong’o de adulta na actualidade. Os papeis a interpretar xogan coa dificultade de duplicarse… e consiguen facerse bastante cribles nesas duplicacións. Iso si, tampouco é que precisen unha complexidade brutal, mais funcionan moi moi ben sobre todo na parte inicial, mentres nos encariñamos con eles.
É imposible, ou canto menos moi difícil, non ver esta peli sen comparala con Déixame Saír. Pero se o evitamos, faise ver que é unha obra interesante, que recolle moito do terror raro doutras épocas, méteo nunha narrativa de presente e funciona moi ben, ratificando a Jordan Peele coma un director a ter moi en conta.