A normalización é o obxectivo de reivindicacións coma as da causa feminista. Primeiro partimos dun desaxuste social, pasamos por unha revolución e correximos ese desaxuste. No mundo dos cómics, dende o punto de vista do feminismo, está a acontecer esa fase revolucionaria que rematará en heroínas fortes, independientes, pero por riba de todo, críbeis.
Moitos autores están levando esas reivindicacións de maneira directa ás paxinas do medio, con obras que presentan guións que parecen sacados dun manifesto ou diálogos e parafernalia digna de consignas. E iso está no seu lugar cando falamos de esa fase de revolución previa á normalización. Pero, e se tivésemos unha obra que saltase ese paso? Saga, de Brian K. Vaughan e Fiona Staples apunta á normalización dende a normalización.
Saga: unha historia sobre a familia. Con Aliens
Os personaxes desta ópera espacial fantástica xa viven nun universo onde, na maioría dos planetas que visitamos, son aceptados todo tipo de xéneros, identidades e orientacións sexuais, formas, razas, cores ou número de tentáculos. Isto non significa que estemos nun futuro utópico e libre de conflitos pois Saga está tan preto da nosa sociedade como lonxe da nosa realidade. Simplemente, a reivindicación da igualdade non é un elemento da trama, a pesares de estar presente nas propias bases da historia.

Como vos imaxinades, estamos no medio do espazo, vivindo unha guerra entre dúas especies rivais: Unha sociedade tecnolóxicamente moi avanzada de humanoides alados, proveñentes do planeta Landfall e os habitantes do seu satélite, Wreath, con cornos e habilidades máxicas. Sen embargo, a primeira viñeta, que ocupa toda a primeira páxina, mostra a unha muller parindo, preguntando se está cagando por ela. Que queredes que vos diga? A min iso impactoume.
A muller é un dos personaxes principais: Alana, unha soldado de Landfall. Con ela esta outro dos protagonistas, Marko, prisioneiro de guerra de Wreath e pai da criatura que esta chegando ó mundo. A recén nacida, Hazel, actúa como narradora, contándonos a historia de Saga en retrospectiva.
Esta familia é o primeiro de moitos exemplos da normalidade de roles sociais independentes do xénero da que falábamos ó comezo: Marko é un pacifista, que evita o conflito violento a non ser que a situación sexa de extremo perigo mentres que Alana é a que empuña as armas e defende activamente á súa filla. Ó mesmo tempo, é el quen queda na casa coidando de Hazel mentres ela vai a traballar.
A parella, agora trío, convértese no obxetivo de ambos bandos do conflito. Representan o entendemento e a paz entre ámbolos mundos, algo que ningún dos dous gobernos ten nos seus intereses. Por iso axiña coñecemos a personaxes como The Will, un asasino a soldo con fama de ser tan despiadado coma efectivo, contratado polo estado de Landfall para acabar coa parella.
Mentres investiga o paradeiro de Hazel e seus pais, The Will fai unha parada no planeta-prostíbulo Sextillion. Alí, a pesar da nosa primeira impresión do “tipo duro”, rescata e adopta a unha nena de oito anos que fora vendida como esclava sexual ó propietario do planeta. The Will e a nena, á que chama Sophie, representan outro exemplo de familia, cunhas características ben distintas ás de Alana e Marko, pero igual de funcional.
Diversidade e Conflitos
Se ben no universo de Saga temos trasfondos de tensión racial, predomina unha forma de ver a beleza moi diferente e aberta. Esta obra demostra que a nosa percepción da beleza é extraordinariamente flexible se se relata da maneira adecuada. Un exemplo sería a relación romántica que ten The Will con The Stalk, outra asasina a soldo, con corpo de araña de cintura para abaixo, tronco de muller, sen brazos, e oito ollos. E sen embargo non se cuestiona en ningún momento a natureza desa relación, nin a súa anormalidade afecta o máis mínimo á historia. Agora preguntádesvos, e iso… cómo funciona? pois ide a ler o cómic.
Gwendolyn, unha soldado de Wreath e exparella de Marko, é unha muller negra bisexual nunha relación cunha muller branca con sobrepeso, que xunto a The Will exerce de coidadora de Sophie mentres ambos perseguen ós nosos protagonistas.
Upsher e Doff son dous xornalistas dunha raza de homes peixe, de xénero masculino, que abandonan o seu planeta nativo para non ter que esconder a súa relación, e que van detrás da historia do século: O primeiro nacemento dunha raza mestiza de Landfall e Wreath.
Staples, recórdache que isto é unha historia de aliens, fantasía, cor e variedade. Non ten sentido que discriminemos a alguén por ser diferente, cando podes ter sentados ó teu lado un monstro de dúas cabezas e unha señora verde con branquias nos cóbados lendo A Voz de Landfall.
Este cómic mostra a diversidade tanto a nivel físico como de personalidades. Todos os personaxes veñen de lugares diferentes, de outras razas, de distintos xéneros e identidades sexuais. É unha obra cargada de mensaxes sobre a igualdade e aceptación, e ó mesmo tempo é simplemente una ópera espacial fantástica, chea de aventuras, humor, acción e drama.
Lede Saga.
